Sobre Nós

No país dos mil ríos, onde a auga brota da terra e entre as rocas, nace Dama Alaricana, a túa cervexa artesá elaborada de forma natural. Esta cervexa reflexa a esencia do lugar onde ten a súa orixe, unha pequena aldea chamada Portela de Airavella, pertencente á vila ourensá de Allariz, concello galego repleto de historia, arte e tradición. Alí nacen as nosas augas máis puras, brotando de mananciais naturais, que converten as terras en campos fértiles e fan dos seus paisanos e paisanas xente saudable.

Para o noso nome tomamos o xentilicio feminino de Allariz “alaricana” porque estamos orgullosos de pertencer a esta fermosa comarca e porque somos coñecedores da importancia da muller na sociedade e na historia de Galicia.

Somos unha pequena fábrica de cervexa que realiza todo o proceso de elaboración de forma manual, desde o moído e a adición do gran e o lúpulo, ata o embotellamento e etiquetaxe, buscando sempre un saber facer único, persoal e artesanal.

Durante a súa produción non se utilizan conservantes nin colorantes artificiais. Esta cervexa artesá non está pasteurizada e realiza a súa segunda fermentación en botella.

Dama Alaricana é unha cervexa viva e en constante evolución.

A súa produción é limitada e coida tanto a orixe como a calidade das súas materias primas. En todo momento da fabricación, contrólase e avalíase o proceso produtivo e mímase cada lote de forma persoal.

Goza das cousas ben feitas e toma o teu tempo para degustar esta cervexa artesá de calidade.